Agonía ambiental no entorno natural da praia da Calzoa

Home / Ecología / Agonía ambiental no entorno natural da praia da Calzoa
Agonía ambiental no entorno natural da praia da Calzoa

A praia da Calzoa conforma un espazo de extraordinaria riqueza ambiental no litoral de Vigo, debido tanto á súa localización, xunto ao humidal máis importante deste municipio, a marisma A Xunqueira, na desembocadura do río Lagares, como polas súas características biolóxicas.

Atópase situado, ademáis, na área de influencia da zona ZEPA Rías Baixas de Galicia, zona incluida na Rede Natura 2000. Neste areal atopamos unha das poucas poboacións viguesas de mangón (Arenicola mariña) e a escasa pulga de mar (Talitrus  saltator), ambas especies, elementos fundamentais no mantemento das cadeas  tróficas do ecosistema intermareal, nas que se inclúen as aves acuáticas.

[embedded content]

Destaca a presenza de especies catalogadas no Anexo I da Directiva 2009/147/CE do Parlamento Europeo e do Consello do 30 de novembro de 2009 relativa á conservación das aves silvestres como son carrán  cristado (Sterna  sandvicensis), carrán común (Sterna  hirundo), gaivota  cabecinegra (Larus  melanocephalus), mazarico rubio (Limosa  lapponica),  píldora dourada común (Pluvialis  apricaria) e  pilro curlibico (Calidris alpina Calidris a. schinzii) como aves migratorias en paso, garzota (Egretta  garzetta) como  invernante, e  picapeixe común (Alcedo  atthis) como ave residente, propia de ecosistemas fluviais pero que frecuenta esta praia debido á súa proximidade á marisma.

Outra especie de interese, observada como ave de paso neste areal, é a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), que posúe o seu propio decreto de protección autonómico (Decreto 9/2014, do 23 de xaneiro) polo que se aproba o Plan de conservación en Galicia desta especie.

Abundante presenza de Arenicola mariña no areal da  Calzoa (Foto: J.Martínez).

Abundante presenza de Arenicola mariña no areal da  Calzoa (Foto: J.Martínez)

A biodiversidade desta zona é  resaltable, podendo observar outras especies de presenza frecuente como gaivota  chorona (Chroicocephalus  ridibundus), gaivota  patiamarela (Larus  michahellis), gaivota escura (Larus  fuscus), bilurico bailón (Actitis  hypoleucos),  virapedras (Arenaria  interpres),  píllara real (Charadrius  hiaticula), pilro bulebule (Calidris alba),  gavita (Haematopus  ostralegus),  lavanco real (Anas  platyrhynchos), garza real (Ardea  cinerea), Corvo mariño  cristado (Phalacrocorax  aristotelis) e corvo mariño real (Phalacrocorax  carbo) entre outras. A Calzoa constitúe pois, un importante espazo de alimentación e descanso para aves  limícolas e mariñas, de vital importancia, principalmente, para especies migratorias, pois representa un punto de parada nas longas viaxes entre as súas áreas de reprodución e de invernada.

Como especie non ornitolóxica, cabe mencionar á nutria (Lutra  lutra) especie incluída no Anexo II dos Directiva Hábitats: Especie de interese comunitario para cuxa conservación é preciso designar Zonas Especiais de Conservación e no Anexo IV: Especies de Interese   comunitario que requiren protección estrita, que podía ser observada na Calzoa remontando o río desde o mar ata que esta foi designada como praia de esparexemento canino.

Nutria remontando o río Lagares, o de maior caudal en Vigo, na praia da Calzoa (maio de 2017)

Conta ademais cun ecosistema dunar, Hábitat Natural de Interese Comunitario “Dunas móbiles do litoral con Ammophila  arenaria”, catalogado co código 2120 na directiva 92/43/CEE, no que se describe como un hábitat de interese comunitario ameazado de desaparición na súa área de distribución natural e que require da designación de zonas de especial conservación.

Mantén especies propias deste ecosistema de tan alto valor ecolóxico como son a anteriormente nomeada feo (Ammophila  arenaria),  paxariño  amarelo (Linaria  polygalifolia),  alhelí das praias (Malconia  littorea),  cebola das  gaivotas (Pancratium  maritimum), perexil de mar (Crithmum  maritimum) e especies de  euphorbias.

Unha vez A  Calzoa foi anunciada como praia canina, sen atender aos coñecementos e suxerencias achegados por asociacións de defensa e estudo da natureza, produciuse unha masificación de mascotas durante todo o ano, o que levou a un impactante declive na abundancia de aves acuáticas tanto en canto ao número de especies como ao número de individuos por especie, máis acusado no caso das aves migratorias que, practicamente, desapareceron, non só porque a presenza de cans disuade á fauna de utilizar este espazo, senón tamén polos continuos ataques aos que se ve sometida.

Deterioración sufrida pola duna da Calzoa debido aos buracos practicados polos cans (Foto: I. Prado)

En canto á duna, viuse rapidamente afectada nos seus límites pola colmatación debida á constante trasfega de persoas e ao paso continuado da maquinaria pesada dedicada á limpeza do areal, que tivo que ser intensificada debido ao deplorable estado hixiénico sanitario no que se atopa a praia a diario. Tamén se advirte a existencia de buracos practicados polos cans que acceden ao ecosistema dunar.  Ademais, o pardillo común (Carduelis  cannabina), ave  paseriforme, pasou a ser unha especie común na duna para desaparecer por completo. Segundo datos de 2019, Vigo conta con 39.308 cans censados. Tan elevado número de mascotas esixe decisións serias e responsables en canto á súa xestión. O uso destes refuxios da fauna, como son a contorna natural da Calzoa e A Xunqueira, debe ser sostible e respectuoso. Agora, no momento no que nos atopamos de preocupante perda de biodiversidade, e sempre.

Fuente

Leave a Reply

Your email address will not be published.